Lista de
Patrimonio Europeo

O Cabo Fisterra

O Cabo Fisterra

 

O concello de Fisterra atópase no extremo noroeste da Península Ibérica. É unha franxa de territorio que se interna no mar e se une por medio dun istmo areoso ao promontorio rochoso de Cabo Fisterra, constituíndo todo iso unha pequena península. A punta do Cabo diferencia as dúas costas do concello: ao oeste moito máis brava e desprotexida, está o final da Costa da Morte; cara ao leste, ollando cara á Ría de Corcubión, fórmase a enseada de Sardiñeiro, a costa máis protexida desta zona.

O que fixo deste cabo un emprazamento de singular relevancia é a súa situación xeográfica que fai que, dende aquí, todo o que abrangue a vista sexa mar, converténdose dende a Antigüidade no finis terrae, o final do mundo coñecido, o punto máis occidental do Imperio Romano, o punto máis occidental da Vella Europa. Durante séculos unha obrigada referencia náutica, un lugar de paso obrigado sinalizado dende moi antigo polos vellos fachos e finalmente polo complexo do faro.

Coa eclosión do culto a Santiago e a xeneralización das peregrinacións a Compostela converteuse na última etapa dos camiños que dende toda Europa converxían en Santiago, o que viña a enlazar co primitivo simbolismo do fin do mundo coñecido e o comezo do máis alá. As tradicións cristiás impulsadas pola igrexa empeñada en erradicar o intenso paganismo cristalizaron no culto ao Cristo de Fisterra e na festa da Pascua de Resurrección baixo as que latexan as vellas crenzas precristiás e que perduran ata os nosos días.

Imaxes cedidas por xentileza da Consellería de Turismo de Galicia



Icono de conformidad con el Nivel Doble-A de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI. Este enlace abre una ventana nueva

© Ministerio de Cultura