Lista de
Patrimonio Europeo

A Residencia de Estudantes

A Residencia de Estudantes

 

A Residencia de Estudantes, dende a súa creación en 1910 ata 1936, ano en que a súa actividade se interrompeu polo estalido da guerra civil, foi o primeiro centro cultural de España e unha das experiencias máis vivas e frutíferas de creación e intercambio científico e artístico da Europa de entreguerras. Nela viviron ou foron visitantes asiduos españois tan universais como Juan Ramón Jiménez, Miguel de Unamuno, José Ortega y Gasset, José Moreno Villa, Eugenio d’Ors, ou os máis novos Federico García Lorca, Luis Buñuel, Severo Ochoa, Salvador Dalí, Rafael Alberti ou Pedro Salinas. Foi tamén un centro de recepción e elaboración das tendencias vangardistas que se estaban a producir sincronicamente en diferentes partes do mundo: Einstein, Keynes, Gropius, Marie Curie, Stravinsky, Bergson, Calder, Valéry ou Max Jacob, durante as súas visitas a Madrid, trouxeron á Residencia novas ideas e reflexións de orde científica, filosófica e estética.

Un compoñente de grande importancia foi a renovación intelectual provocada pola actividade cultural desenvolvida pola Residencia de Estudantes. E, en recíproco intercambio, houbo conferenciantes e invitados estranxeiros que contribuíron a espertar novas expectativas na nosa mocidade creadora. Este ambiente cultural permitiu difundir por varias cidades españolas -Barcelona, Murcia, Santa Cruz de Tenerife, Málaga- unha nova sensibilidade e unhas novas orientacións estéticas e sociais que, coas favorables circunstancias políticas dos gobernos liberais e o nacemento dos nacionalismos en Europa, contribuíron á formación dunha consciencia rexeneracionista e á necesidade de reformas en todos os ámbitos do saber. A Residencia foi un foro de debate e difusión das correntes de vangarda que chegaban de Europa.

De acordo co que foron os seus intereses orixinais, a actividade da Residencia nesta segunda etapa, iniciada en 1986, oriéntase ao redor de dúas liñas reitoras: por unha parte, ser un lugar de memoria dedicado ao estudo e á recuperación do seu legado histórico, centrado no período da cultura española coñecido como Idade de Prata (1868-1936); por outra, realizar un labor de creación de novas manifestacións intelectuais e artísticas, e de prospectiva orientada cara á análise e difusión das actuais tendencias nacionais e internacionais da ciencia e o pensamento.

Unha das características da Residencia de Estudantes, que a distingue do resto das institucións culturais españolas, é a súa condición de lugar de encontro de especialistas en diversas áreas do coñecemento procedentes de distintos lugares de todo o mundo. Na súa sede conviven investigadores, estudosos, artistas e outros profesionais, convertendo a Residencia de Estudantes nun lugar idóneo para a investigación e a reflexión, que busca proporcionar sempre un ambiente axeitado para as actividades creativas.



Icono de conformidad con el Nivel Doble-A de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI. Este enlace abre una ventana nueva

© Ministerio de Cultura